jueves, 16 de abril de 2009

C.R.D.O. VALDEORRAS


"D.O. VALDEORRAS" vai a estar presente na XORNADA INAUGURAL DE PONTEVIÑO, que se celebrará o Luns 20 de Abril no Hotel NH Palacio de Vigo.
D. Xosé Luis García Pando, Presidente do C.R.D.O. Valdeorras presentará, como acto de clausura, unha Cata a cegas comentada dos seus mellores viños á que estades todos invitados a participar.


A historia de Valdeorras esta moi ligada aos romanos que debido ao paso da vía XVIII ou vía Nova que comunicaba Braga con Astorga e á presenza de ouro na zona, deixou unha forte influencia así como numerosas probas da súa presenza. Esta presenza á parte de deixarnos un gran legado arquitectónico tamén debemos agradecerlles a introdución da vide, feito que esta avalado por algunhas probas como as encontradas na lapida situada nunha casa particular fronte á Igrexa de San Esteban na Rua Vella na que hai escrito referíndose a Lucio Pompeyo Reburro " o vello pretoriano convertido en labrador, cultiva o seu trigo, cría o seu gando, planta as primeiras cepas nas ribeiras do Sil- Valdeorras- e oe zumbar arredor da súa cabeza ás abellas e as súas colmeas. O vello pretoriano é en Calubriga un home importante..... "

Outra mostra encontrámola na lapída de orixe romana aparecida na igrexa de Santurxo cuxa tradución di "Gavio Veteio Felicios el padre libertador" (Caamaño, 1988) entendendo por Libero Patri ao deus Baco.

Despois do período romano non se volven ter noticias nin probas do cultivo de vide na zona ata o século X, século no que aparece unha nota escrita onde se constata a existencia de viñas en Valdeorras. A partir deste século existe constancia mediante diferentes referencias bibliográficas do cultivo da vide en Valdeorras.

No século XIX e coincidindo coa aparición da filoxera a vitivinicultura da bisbarra sufriu unha gran deterioración perdéndose a maior parte do viñedo. Debido a isto empezouse a usar vides americanas como patrón. Estes enxertos de vides americanas daban viños que nada tiñan que ver cos viños de Valdeorras, eran vides moi produtivas pero o viño perdera o carácter afrutado e a súa personalidade.

Este problema persistiu ata que no ano 1974 xorde a idea de facer unha reestruturación do viñedo en Valdeorras baixo o programa REVIVAL (iniciativa posta en marcha dende a Axencia de Extensión Agraria do Barco e en colaboración co Conselo Regulador). Esta idea empézase a levar a cabo no 1976 e o fin que se pretendía era unha recuperación, potencialización e mellor aproveitamento das nosas variedades para producir viños de calidade, competitivos e rendibles.

O 27 de xullo de 1945 o Ministerio de Agricultura declara protexido como denominación de orixe o nome xeográfico de Valdeorras e constitúe o seu Consello Regulador, deste xeito Valdeorras convértese na segunda denominación de orixe máis antiga de Galicia.

O primeiro regulamento da D.O. Valdeorras aparece en 1957 e é aprobado por Orde Ministerial o 31 de xullo de 1957.

Despois de 20 anos este regulamento queda derrogado e o 24 de febreiro de 1977 o BOE publica un novo regulamento para a D. O. Valdeorras que é o que prevalece a data actual cunha modificación no 2005 no concernente ás variedades.

  • Zona de acollida (municipios que abrangue a Denominación de Orixe):

As poboacións que abrangue a Denominación de Orixe Valdeorras son: Carballeda de Valdeorras, Rubiá, ou Barco de Valdeorras, Vilamartín de Valdeorras, A Rúa, Petín, ou Birlo, Larouco
  • Tipos de viño que se elaboran na Denominación:
- Monovarietal Godello. Elaborado cun 100% de uva Godello.

- Monovarietal Mencía: Elaborado cun 100% de uva Mencía

- Xenérico Branco: Elaborado con variedades brancas autorizadas.

- Xenérico Tinto: Elaborado con variedades tintas autorizadas.

- Crianza: Envellecido 24 meses polo menos 12 deles en barrica.
  • Clima:
Zona de carácter mediterráneo- oceánico (con influencia atlántica) caracterizada por invernos fríos, veráns cálidos e outonos e primaveras suaves.

A temperatura media anual é duns 11º C, con máximas absolutas de 33º C e mínimas de -8 º C.

As chuvias son da orde dos 850 a 1000 mm anuais cun período pouco chuvioso entre maio e setembro, con verán seco e soleado.

A insolación total de marzo a setembro varía entre 2100-2200.

A integral térmica eficaz (Winkler-Amerine) esta entre 1300-1500.

O número de horas de sol despexado ao ano é duns 2700.

O clima de Valdeorras é ideal para viños secos de primeira calidade cun optimo por enriba de 450 m de altitude sendo privilexiada ao situarse toda a bisbarra entre os 300 m e os 700 m de altitude e sendo así toda ela zona I de Winkler.
  • Chans (descrición):
A D.O. Valdeorras presenta unha gran diversidade de chans para a superficie de viñedo inscrita que posúe, 1334 hectáreas. O río Sil atravesa a bisbarra de Leste a Oeste, orixinando un val cun marcado carácter asimétrico: abas con moita pendente na súa marxe esquerda e máis suave, xerando unha paisaxe ondulada, no dereito, esencialmente, nos municipios do Barco, A Rúa e Vilamartín. Outros ríos como o Tsares, Bibei, Cigueño e Casaio; nos municipios do Birlo, Larouco, Loura e Carballeda, menos caudalosos e sen chegar a formar vales, proporcionan abas onde se cultiva o viñedo, podendo presenciarse bancais nalgunhas pendentes do Bibei e Tsares.

Os chans en pendente sempre foron considerados con vocación vitícola, ao proporcionar menos fertilidade e boa drenaxe o que garante un rendemento mais moderado e con uvas de máis calidade. As abas orientadas ao Sur e ao Sueste permiten obter chans dunha temperatura mais quente e maior tempo de exposición ao sol, cunha maior actividade fotosintética, o que proporciona uvas cunha boa maduración.

O substrato xeolóxico do chan da bisbarra esta representado maioritariamente por xistos e lousas ordovícicas e silúricas con frecuentes bandas de pedras de gra. Os chans de lousa son pouco profundos (30- 50 cm), con abundantes pedras, sobre todo en superficie, e con texturas en xeral limosas. Os viñedos cultivados nestes chans proporcionan viños con compoñentes aromáticos e sápidos moi sutís e cun marcado carácter mineral. Son chans quentes o que potencian o grao alcohólico e a complexidade das uvas.


Os afloramentos de formacións carbonatadas aparecen na metade norte da bisbarra, nos municipios do Barco e Loura. Os seus chans son arcillo-calcáreos, coa vantaxe de esponxarse en inverno para recibir a auga e pecharse en verán co fin de retela. Permiten obter viños de calidade, con potencial para o envellecemento manifestando moi intensamente os carácteres propios da variedade cultivada.

Outra rocha presente na zona é o granito, na Rúa, Petín e Larouco, en pobos como Seadur e Larouco pódense encontrar edificacións total ou parcialmente con cadeirado granítico desta procedencia. Os chans destas zonas son soltos, con textura franco-areenta e permiten unhas maduracións suaves, xa que polo día irradian calor e pola noite se arrefrían antes que aqueles que presentan elementos mais grosos, esta diferenza de temperatura entre o día e a noite permite obter uns viños mais florais, non moi minerais, con gran carácter varietal e alcanzando mais rapidamente unha fase optima para o consumo que aqueles que se obteñen en chans pesados (arcillo-calcáreos ou arcillo-ferrosos).

Nos chans sobre materiais graníticos a variación da profundidade é moi notoria, así na parte alta existe sempre unha ampla zona erosionada e practicamente sen chan, mentres que na parte baixa hai acumulación de materiais de arrastre permitindo que as raíces das cepas alcancen maior profundidade.

Os chans arcillo-ferrosos tamén están moi presentes en Valdeorras. Permiten unha gran retención de auga, o que dá lugar á formación de charcos e polo tanto de chans fríos. Os viños de máis calidade, neste tipo de chans proceden de arxilas mesturadas con sílice ou limo. Cando os chans teñen un alto nivel de arxila adoitan ser ricos en nutrientes permitindo obter producións importantes pero diminuíndo a calidade do viño.

Os chans que non presentan pendente sitúanse maioritariamente na conca do Sil a diferenza dos chans dos cumios que son moi superficiais, estes presentan maior profundidade, formando chans aluviais de dous tipos:
a.- terrazas que están colgadas de 4 a 10 metros do río Sil. Aparecen en lugares como en Entoma, Sobradelo, Viloira e Valencia do Sil. Están formadas por gravas redondas, area, arxilas e limos pardos e grises. Son chans con boa drenaxe, quentes e proporcionan viños de menor acidez ao manterse a temperatura alta polas noites.

b.- no Barco e A Rúa preséntanse importantes chairas de chan aluvial, onde se conxugan o arrastre milenario de sedimentos polo Sil e limos e arxilas arrastrados dende as pendentes polas augas de escorrentía. Maioritariamente son de textura franca, con tendencia limosa e ás veces moi ricos en arxila en profundidade. Son chans ricos en nutrientes que provocan producións importantes diminuíndo a calidade do viño e manifestando en menor porcentaxe que outros chans os carácteres propios da variedade cultivada.
  • Superficie de viñedo inscrita: A superficie de viñedo inscrita é de 1.351 hectáreas
  • Densidade de plantación autorizada (Hai.): 4.000 plantas por hectárea
  • Variedades autorizadas (en tanto %):

-Variedades brancas recomendadas: Godello e Dona Blanca.

-Variedades tintas recomendadas: Brancellao, Mencía, Merenzao e Sousón.

-Variedades brancas autorizadas: Pombo.

-Variedades tintas autorizadas: Garnacha Tintureira, Gran Negro e Tempranillo.
  • Produción máxima autorizada (Kg /Ha.):
-Brancas: 12.000 Kg/Ha.

-Tintas: 12.000 Kg/Ha.
  • Situación do Consello Regulador
Dirección: Ctra. N-120 - Km. 463C.P.: 32340
Cidade: Vilamartín de Valdeorras Provincia: Ourense
N.º Tel.: 988 300 295 n.º Fax: 988 336 887
correo electrónico: consello@dovaldeorras.com
web: www.dovaldeorras.com

Nome e apelidos do Presidente/a: Xose Luis García Pando
Nome e apelidos do Secretario/a: Mª Dolores Delgado López

0 comentarios:

Publicar un comentario